logo Cafés CandelasCafé Candelas

MENÚ

Actualidade

Cafés Candelas lanza a súa nova páxina web

fecha noticia 18/10/13

A empresa lucense Cafés Candelas acaba de lanzar a súa renovada web corporativa: cafescandelas.com, unha páxina de contido moi visual en que se recolle toda a información da compañía, así como contidos de interese relacionados co café.

A nova web de Cafés Candelas renova non só en estética e contidos, mais tamén incorpora a nova imaxe de marca da empresa, dando así un paso máis na súa aposta por modernizarse, adaptarse ás tendencias actuais e prepararse para a apertura de novos mercados internacionais. Esta renovación coincide co ano en que Cafés Candelas cumpre o seu 40 aniversario como empresa dedicada ao torrado e comercialización de café no mercado nacional e internacional. A nova imaxe está a aplicarse de maneira progresiva tanto á marca en xeral como ás diferentes liñas de produto específicas e submarcas que posúe a compañía, como son Selectum ou Supra, entre outras.

Calidez, amabilidade e contemporaneidade son a chave dunha marca renovada que pretende transmitir aos seus consumidores e clientes os seus 40 anos de dedicación ao café e os seus obxectivos para un futuro cheo de retos e novos proxectos.

Nova web
Neste proxecto global de renovación de imaxe Cafés Candelas lanzou agora a súa nova web corporativa, despois da mudanza realizada na súa tenda online -tiendacandelas.com- o pasado mes de abril.

A nova web cafescandelas.com funcionará como eixo central de toda a presenza online da compañía, polo cal, alén de incluír información básica sobre a mesma, aglutinará todos os accesos aos microsites das distintas marcas que Candelas posúe. Da mesma forma, entre as funcionalidades da nova web destaca a posibilidade que ofrece aos usuarios de comprar directamente na tenda online. Só con entrar na sección Produtos os visitantes poden coñecer todos os artigos que comercializa Cafés Candelas e acceder cun só clic a tiendacandelas.com para adquirilo.

Cafescandelas.com é un espazo renovado, máis atractivo á vista e máis accesible, con que se facilita o acceso a toda a información da compañía e a contidos relevantes sobre o mundo do café.

Os usuarios encontrarán agora unha "home" con impresionantes fotos relacionadas co café, e cun completo menú lateral para navegar dunha maneira simple. A través deste menú accédese a información sobre a empresa; a súa traxectoria; iniciativas de calidade e innovación; o ritual do café; variedades e orixes; os beneficios do café ou a historia do café, entre outras. Alén diso, incluímos un receitario para gozar do café en todas as súas posibilidades; un espazo de actualidade sobre a compañía e un blogue corporativo en torno ao café.

A nova web dispón tamén dun espazo destacado para Formación, xa que Candelas dispón dun centro específico onde os seus baristas profesionais imparten cursos de formación, reciclaxe e novos coñecementos aos clientes do sector da hostalaría. Para Candelas a formación é a chave para garantir a satisfacción dos clientes do sector hostaleiro, xa que non só é importante que os establecementos ofrezan café de calidade, mais que coñezan todos os detalles para a súa perfecta preparación. A oferta formativa é un valor engadido en que a compañía concentra gran parte dos seus activos.

Tradición e modernidade
Coa nova imaxe na súa web corporativa Cafés Candelas proporcionará un valor engadido á marca, que favorecerá a súa posición e recoñecemento na canle da alimentación e hostalaría. Deste modo, esperamos que a mellora repercuta de maneira positiva nos seus clientes do sector da hostalaría, principal canle de comercialización dos produtos da empresa galega.

Trátase de todo un marco histórico de Cafés Candelas, unha empresa familiar de carácter tradicional que soubo modernizarse e renovarse cos novos tempos. A dedicación, o esforzo, a excelencia dos seus produtos e a súa capacidade para adaptarse ás cambiantes necesidades do mercado convertérona nunha compañía con implantación nacional e internacional, de recoñecido peso no ámbito de distribución alimentaria e hostaleira. Na actualidade, Cafés Candelas ocupa unha posición de liderado a nivel nacional como torrefactora e fornecedora de café no sector da hostalaría, ao tempo que se mantén como empresa de punta no mercado portugués de café.

No último ano Cafés Candelas comercializou máis de 5 mil toneladas de cafés, atinxindo unha facturación global superior aos 49 millóns de euros. A canle de hostalaría concentra o maior volume de negocio da empresa, cunha porcentaxe de 85 %, seguido da canle de alimentación, con 10%.

As novas liñas de produto (Comercio Xusto, Selectum, Ecolóxico, Supra, Ébo Caffe Latte...) contribuíron ao incremento do volume de negocio da empresa, dando valor engadido á marca e ampliando a oferta para o consumidor. De feito, a venda de cápsulas supuxo en 2012 o 2% da facturación global da empresa, en só un ano desde o inicio desta liña de negocio.

 
 

USO DE COOKIES

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como para amosarlle, desde o noso sitio web ou de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación.

Aceptar todas Configurar Cookies Rexeitar as cookies Más información